SITUACION E HISTORIA RECENTE

BOEDO, SITUACION E ALGO DE HISTORIA RECENTE


Boedo é un pequeno pobo do municipio de Culleredo. Pertence á parroquia de Veiga, na estrada que une Ledoño (Culleredo) con Aretixo. Linda coas parroquias de Soandres (Laracha) e Loureda (Arteixo).
A vía do tren, que divide ó pobo en duás metades, fai tamén de liña divisoira de augas entre os municipios antes citados.
O seu enclave, relativamente lonxe de pobos de certa puxanza, e a sùa orografía montañosa, foron posiblemente a causa da incomunicación por estrada ata mediados dos anos sesenta e de que non chegara a electricidade ata a década dos setenta. Este illamento viuse un pouco mitigado por estar situado no “Camiño da Cruña”, que conducía dende “A Montaña” -Cerceda, Tordoia, Parte de Laracha, ... á Capital e por estar preto de Vista Alegre, pequena aldea da Laracha, a cabalo entre as Mariñas e Bergantiños, onde os segundos e cartos domingos de mes había unha das mellores feiras da comarca.
Os días de feira era “festivo” na zona e, en Regocheo (pequena aldea de apenas catro casas situada a menos de medio quilómetro de Boedo), divertíase a xente nun salón de baile moi concurrido pola mocidade da comarca.

image


Tradicionalmente a poboación adicouse á agricultura e gandeiría; sofriu, coma toda Galicia, unha forte emigración a América e, co empuxe económico dos anos sesenta, a xente empezou a traballar masivamente na construcción, explotación forestal e a emigrar e Europa.
A construcción da vía férrea, a finais dos anos vinte e trinta, trouxo a Boedo traballo para os lugareños e para xente doutros lugares, maioritariamente da provincia de Lugo. Varios deses traballadores casaron coas mozas do pobo. A fisionomía cambioua totalmente un terraplén de máis de dez metros de altura, franqueable tan só por unha ponte pola que hoxe pasa a estrada que une Culleredo e Arteixo e que foi, e aínda é, o punto de encontro dos veciños, por ser o lugar máis céntrico, con máis espacio e por estar alí a escola (ata os anos setenta) e o único establecemento comercial.
Aínda que a estación se construiu no veciño pobo de Bregua, o paso do tren (xa nos anos corenta) provocou importantes cambios de vida, pois favoreceu os desprazmentos á Coruña para traballar -principalmente na construcción- e favoreceu a venda de productos agrícolas e gandeiros -especialmente o leite.
Na actualidade, non pode decirse que o pobo sufra un considerable despoboamento pero, a baixa natalidade, unida ó aumento da esperanza de vida e a que o pobo, pese a estar preto da Coruña, non foi foco de atracción de xente foránea; oaciona un estacionamento da poboación nos corenta veciños (sobre cen habitantes) e un forte envellecemento.
Actualmente a gandeiría e a agricultura son só un complemento ó traballo na costrucción, industria ou servicios (sempre fóra do pobo) ou, cada vez máis, ás pensións de xubilación.



BOEDO, UN POBO XUNGUIDO A VIA


Vela ahí vén, vela ahí vén avantando
cómaros e corgas , e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudaina, rapaces e vellos!

Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.

.....................................................
(Curros Enríquez)


Curros escribía isto na chegada a Ourense da primeira locomotora alá polo remate do século XIX;os de Boedo poderían pensar algo parecido no ano 1943, que foi cando pasou o primeiro tren para unir A Coruña con Santiago e Vigo.
A construción da vía comezouse na década do 1920, gozando dun grande avance no goberno de Primo de Rivera e quedando, logo de todo explanado, ata que comeza o paso do tren no 1943. O trazado definitivo é o que todos coñecemos, pero antes houbo un que lle faltou pouco para ser definitivo e que ía dende a curva que hoxe ten a vía antes do muro da Esfarrapa, pasando polo Pinar Grande e por onde están a casa de Vidal e a de Blanco. Parece ser que polo Pinar Grande había unha gran bolsa de auga e era problemática a súa construción.
A execución das obras revolucionou por completo a economía da aldea e da comarca, o problema foi que, acabada a obra, empeorou a situación..
Tanto a chegada deste primeiro ferrocarril como agora a liña da alta velocidade tiveron varias cousas en común:

• Nas dúas se falou de trazados máis ou menos aproximados que logo os enxeñeiros confirmaron nalgún anaco e desmentiron noutros
• Nas dúas expropiaron e asoballaron nos propietarios sen maior consideración.
• Nas dúas valoraron á súa maneira e houbo que achantar co que impuxeron.
• Nas dúas ían poñer unha estación ou apeadeiro e todo se quedou en nada. Na da alta velocidade incluso tiñan o apeadeiro feito e agora tirárono. ¿Volverán a facer outro? . Na primeira parece ser que a distribución das estacións está chea de anécdotas verídicas. A de Boedo puxérona en Bregua porque unha persoa influíu no enxeñeiro para que non a fixesen aquí, despois ían vir os “carteristas” da Coruña no tren e...
Algo parecido lles pasou ós de Cerceda, cobráronlle moito pola comida e case llela mandan a Queixas. ¡O que é a vida!


Tamén tiveron outras cousas diferentes:

• Na primeira fixeron o ancho para vía dobre en pontes e túneles, e mercaron o terreo para facela dobre, pero quedou sinxela. Na de alta velocidade poñen vía dobre.
• Na primeira traballaron a maior parte dos homes da aldea e na segunda non empregaron a ninguén de Boedo.
• Na primeira a maior parte das casas transformáronse en pousadas e na segunda non se quedou ninguén a residir na aldea.
• Na primeira, como residían na aldea, casaron moitas mozas de aquí e da comarca con forasteiros que estaban a traballar na vía, sobre todo de Lugo e algúns de Portugal. Na segunda, menos mal que non hai moitas mozas solteiras, porque quedarían todas para vestir Santos.
• Na primeira pagouse, indirectamente, un gran tributo en vidas. O túnel de Vistalegre foi causa de moita silicose nos que traballaron no seu “avance” e esa xente morreu toda moi nova. Incluso, cando morría un, chegaban a contar os poucos que aínda quedaban e que traballaran nese túnel. Por sorte, obra actual non houbo maiores desgrazas.
• No da primeira vía fixeron unha ponte en Boedo que era a fachenda da aldea e o elemento que máis nos identificaba. Era cunhas paredes de pedra e unha bóveda de cemento. Non tiña nin un arame de ferro pero soportou o peso dos trens sen problema. Na vía que están a facer, fannos un viaduto convencional, con piares vulgares e nada máis.
Esperemos que a diferenza esencial estea en que o anterior dividía a aldea en dúas, cun terraplén alto que ademais coincidía co límite de augas para as Mariñas e para Arteixo e a de agora, ó ir sobre piares, permitirá, polo menos, o paso da luz e do aire.

A realidade é que a chegada do primeiro tren supuxo un grande avance nas comunicacións para Boedo e outras aldeas illadas coma a nosa; xa había un medio alternativo ás cabalerías e máis rápido para ir Á Coruña e un teléfono a un quilómetro e pouco de distancia. Pero non só para pasaxeiros, moitas das mercadorías tamén se ían vender no tren.
Pero se “quen non quere unha cunca, cunca e media” Tamén aquí corren os rumores de que imos recuncar. Fálase de que van facer unha vía máis para transportar o carbón para Meirama. Esperemos que só se quede nun rumor coma o de “Mieres” se quedou na letra dunha cantiga.
En resumo, o ferrocarril tradicional simbolizou un certo progreso, pero o non ter aquí apeadeiro, a proliferación do automóbil e os poucos trens que pasan deixou de ser útil. O de alta velocidade será progreso, pero moi indirecto: para os lugares polos que pasa é un estorbo.


Suscribete a RSS

RSS Un Lugar de Boedo